Encontro con Ana Alonso

O día 22 de marzo visitounos a autora madrileña Ana Alonso.
Ao longo do segundo trimestre estivemos lendo unha obra súa: "Una mano en la piedra". Realizamos traballos e fixemos unha exposición na Aula de Cultura onde tivo lugar o encontro.
Disfrutamos moito coa lectura deste libro!

Visita ao río de Santo Tomé

Os alumnos de 4º acompañados das titoras e do profe Camilo fixemos o martes 20 unha saída ao regato de Sto Tomé. Foi a primeira dunha serie de vistas que faremos dentro das actividades programadas no Proxecto Ríos,  no que o noso Centro participa este curso.
Os principais obxectivos deste proxecto son : coñecer en maior profundidade os ecosistemas do noso Concello ( ríos, bosques, etc.), aprender a realizar investigacións no medio natural e concienciarnos dos valores ambientais destes ecosistemas.

Mais fotos en Picasa

Visita ao Museo de Pontevedra e cidade monumental

Chegamos ao Museo sobre as 10 h desta fría e soleada mañá de febreiro. Paula Tilve estábanos agardando para guiarnos polos diferentes recunchos do Museo. Comezamos retrocedendo ata a Prehistoria: ferramentas de pedra, pezas de cerámica, como empezaron a traballar os metais, os monumentos funerarios... Aprendemos que a cultura castrexa deixou moitas pegadas en Galicia. As xoias de ouro da época romana deixáronnos abraiados. Na reprodución da fragata de Méndez Núñez sentímonos auténticos mariños do S. XIX. Co enorme cadro de Carlos III descubrimos o misterio da perspectiva do seu pé. A cociña tradicional galega axudounos a entender como era a vida doméstica dos nosos antepasados. Pasámolo moi ben, aprendemos un montón e, sobre todo, descubrimos o importante que é coñecer o pasado para entender o presente. Despois da merenda e dun rato de xogo coas pombas baixo un ceo azul e un sol que xa botabamos en falta , reunímonos con Raquel, a guía do Concello, na fermosa praza da Ferrería. Alí comezamos o noso percorrido pola zona vella de Pontevedra. A historia do loro Ravachol, a igrexa da Peregrina, o antigo Hospital, a casa máis antiga da cidade, o monumento aos heroes de Pontesampaio, a basílica de Santa María e as diferentes prazas onde antigamente se ubicaban os diferentes gremios e vendedores: praza da leña, do Teucro, da verdura.

Foi un percorrido apaixonante co que rematamos o proxecto de Historia! 

Viaxando pola historia

Durante o mes de xaneiro e parte do mes de febreiro estivemos viaxando pola Historia.
Trouxemos á Aula libros da Biblioteca do Colexio e lemos sobre a vida dos homes prehistóricos, sobre os romanos, a romanización de Galicia, os viquingos, os exipcios, os castelos da Idade Media, o descubrimento de América, a invención da imprenta, a revolución industrial, os grandes descubrimentos e avances da Idade Contemporánea... e moitísimas cousas máis.
Tamén  investigamos sobre estes temas na Aula de Informática e vimos vídeos.
Con toda esta información, elaboramos un traballo que expoñemos a continuación.

Foi unha viaxe apaixonante na que aprendemos moito do pasado; iso axudaranos a comprender mellor o presente!
preme nes ta foto para ver todas as demais